Entrevista a Moreria de Piñeiro no periódico " A Nosa Terra "
‘Fun afortunado e puiden abandonar a actividade' ( I was a lucky because I could abandon my farm in time )
H. Vixande – A. Eire
A entrada de España na Unión Europea e o establecemento da cota de produción láctea fixeron que a Xunta deseñase un plan para reducir as explotacións leiteiras e que gañasen tamaño para seren competitivas. Mais este obxectivo non se cumpriu; só se produciu o peche de oitenta mil granxas, pero a rendibilidade non se dá atinxido.
|
“Non teño cargos familiares, estou solteiro, iso permitiume abandonar a miña explotación leiteira”, explica Xosé López Gay, do lugar de Piñeiro, no concello do Páramo. Até hai ben pouco, Xosé posuía sesenta vacas e unha cota de produción láctea de 211.000 quilos. Era, o que se di, o propietario dunha grande explotación, mais se sentía afogado polas débedas que adquiriu ao medrar e chegar ao tamaño que conseguiu.
Por circunstancias familiares, hai máis de dez anos Xosé fixérase cargo da explotación da súa familia, que estaba en vías de desaparición despois de que a tuberculose obrigara a enviar ao matadoiro ás dezaoito vacas rubias que tiñan. Aquel baleirado presaxiaba o fin a menos que se producise un cambio de rumbo radical. Nese punto chegou el e, a partir dese momento, comezou unha espiral de crecemento que o levou á asfixia económica.
“Empecei a gastar cartos sen parar e aínda hoxe teño algo pendente de pagar”, explica o labrego. Xosé acolleuse a dous plans de mellora sucesivamente. Estes plans teñen unha vixencia de cinco anos e consisten nunhas axudas públicas a cambio dun investimento e uns compromisos de continuidade coa mesma vixencia que os propios plans.
“O primeiro que fixen foi o cortello”, conta. Trátase dunha instalación moi moderna motivo de mofa en todo o concello no seu día e hoxe copiada por algúns labregos dos arredores porque resulta moi práctica. A ventilación que comporta a case ausencia de paredes permitiu afastar todas as pestes que afectaron a outros veciños. “A cota inicial era de 73.000 quilos e tiven que ir mercando máis cota até chegar aos 211.000 quilos”, explica ao relatar os primeiros pasos que foi dando despois de asumir a explotación que tiña o seu pai.
A dinámica de crecemento dunha explotación obriga a mercar cota de produción e a endebedarse para poder facelo. O paso seguinte é recriar vacas para producir a cota asignada e rematar superando esta cota e así pagar as débedas. Mais unha vez superada a cota, para evitar a multa da supertaxa, hai que adquirir máis dereitos de produción e continuar pedindo créditos para pagar a nova cota adquirida e así poder subsistir. Cando os propietarios da explotación queren decatarse, teñen un tamaño que os supera. “Aquí todo xoga en contra –explica Xosé–, canto máis medras, máis vacas por hectárea tes e cando hai máis de dúas vacas por hectárea, quedas sen subvención”.
Base territorial
O problema, no caso de Xosé e de moitos outros labregos, é a base territorial, a cantidade de terra que posúen. “Precisas contar con terras nas que cultivar o alimento do gando, senón a rendibilidade mingua moito”, explica Xosé. Segundo este labrego, “cando máis grande é a explotación, menor a rendibilidade porque non hai base territorial e unha parte moi importante do presuposto marcha para adquirir alimento para o gando. Estou farto de ver na autovía camións cargados de silos para as granxas galegas. É falso que as grandes explotacións sexan moi rendíbeis, é algo que recoñecen os gandeiros que falan con honestidade: a maior tamaño baixa a relación de rendibilidade porque teñen que comprar moito fóra”.
A afirmación de Xosé ponse de manifesto se se ten en conta que se produciu o abandono de oitenta mil explotacións nos últimos quince anos, o que liberou moitas terras que antes estaban en uso. “Isto é certo, pero a xente non aluga as súas propiedades aínda que estean a monte porque a Administración da Xunta non fai nada neste sentido –explica–; necesitamos bancos de terras, pero non os hai”. Na Galiza hai unha superficie agraria útil de 96.690 quilómetros cadrados, dunha superficie rural de 258.778 quilómetros. Estas cifras indican que as explotacións carecen de extensión para producir alimento. Cómpre ter en conta que unha explotación láctea ten de media 13,5 vacas e só cinco hectáreas, polo que moitas están por enriba da media de cabezas por superficie que permiten obter determinadas subvencións. Ademais, o 84,3% das terras dos labregos que posúen explotacións leiteiras son en réxime de propiedade e só o 3,9% están arrendadas. O restante 11,6% corresponde a cesións, préstamos ou outros réximes.
Antes de abandonar, Xosé tentou alugar as terras que necesitaba; non o conseguiu. Porén, moitos dos seus veciños que abandonaron previamente a actividade, optaron por plantar piñeiros en lugar de alugar as súas terras. “Eu non o penso facer, despois de deixar o leite penso cultivar a terra, iso antes que plantar piñeiros –dixo–. É o colmo, primeiro subvencionaron a conversión de terras para cultivo e agora nesas mesmas terras subvencionan a plantación de piñeiros; pero coido que se van rematar as axudas”. En realidade, hoxe a superficie forestal representa o 60% do total do país, unha porcentaxe moi elevada que deixa pouca marxe para outras actividades e que tamén é foco de novos conflitos. “Ademais, todos plantan piñeiros, cando hai outras especies de crecemento relativamente rápido máis indicadas, como o carballo americano”, protesta o labrego.
Tras abandonar a explotación, Xosé alugoulles a uns veciños algunhas das súas terras e o seu cortello. Iso permitiulle saír coa economía máis saneada. Quen lle alugaron o cortello foron Montse Díaz e o seu home. “Con estas instalacións traballamos máis cómodos”, indica Montse.
Montse e o seu home posúen unha explotación de sesenta vacas, 243.000 quilos de cota e 24 hectáreas de terreo, das que quince son da súa propiedade e as restantes alugadas. “Ter moito terreo permítenos maiores marxes e fai rendíbel a explotación; alugar terras é máis barato que mercar silo”, explica. Non embargantes, admite que “se non estivese casada ou mesmo se estivese viúva cos dous fillos que teño, non me dedicaría a isto”. A última vez que marchou de vacacións foi en 1986, cando casou e foi de lúa de mel, por iso di que se sinte “moi atada á explotación”.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home